viernes, 6 de junio de 2008

ESPAÑA: Un proxecto de radio une a escolas de Galicia, Portugal e América

Ponte nas Ondas, a entidade organizadora, tentará este ano que a cultura luso-galega sexa patrimonio universal

A emisora da Universidade de Vigo radiará hoxe traballos feitos arredor do lema «Identidade e territorio»

Autor: Jorge Lamas
Telecomunicación da Universidade de Vigo convértese hoxe nun estudo de radio dende onde se emitirán, en directo, os programas da XIV xornada de radio interescolar Ponte nas Ondas, un proxecto que tenta unir as poboacións de Galicia e o Norte de Portugal a través dunha programación radiofónica feita polos alumnos de escolas galegas e portuguesas. A principal novidade desta edición é a incorporación audiovisual á xornada de radio e a emisión televisiva en tempo real a cargo de Uvigo-

TV, o servizo de televisión por Internet da Universidade de Vigo.
Máis de setenta centros educativos de Galicia, norte de Portugal, Brasil, Arxentina, Chile, Colombia e Cuba levarán a cabo vinte e catro horas de radio co lema Identidade e territorio, co gallo de dar un novo impulso á candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, que este ano tentará novamente acadar a distinción da Unesco.

Durante a xornada pasarán pola ETSE de Telecomunicacións e polo Museo do Verbum, o outro escenario do evento, diversos convidados portadores do patrimonio inmaterial galego-portugués, narradores orais e grupos musicais. O programa radiofónico Ponte nas Ondas pretende ser unha ponte de comunicación internacional entre os profesionais e adolescentes de Galicia e Portugal, así coma doutras latitudes. Ademais quere sensibilizar e concienciar ao alumnado no respecto aos valores de solidariedade, participación, comunicación e conservación do noso patrimonio cultural galego-portugués.

Mostra de oralidade

Paralelamente, no museo Verbum de Vigo, desenvolverase, a partir das 22.00 horas, a sétima edición da Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, coa participación dos grupos Luar na Lubre (Galicia), Vozes da Rádio (Portugal), Socorro Lira (Brasil) e o narrador oral Avelino González. Este evento vai ser emitido pola TVG.
Outras actividades promovidas por Ponte nas Ondas para contribuír á reflexión da identidade e o territorio, como espazo onde se desenvolve e conforma a cultura galego-portuguesa, é o Festival de Cine Filminho, que transcorrerá entre o 22 e o 27 de xuño entre Tomiño e Vilanova de Cerveira, e o certame audiovisual Conta onde Vives.

Na celebración da xornada interescolar, Ponte nas Ondas conta coa colaboración da Universidade de Vigo, que facilita a infraestrutura necesaria para a emisión dos programas, e tamén elaborará programas para o horario nocturno, o que fixo posible a ampliación da xornada de radio, que pasou de 12 a 24 horas de programación. A Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela e grupos de universidades de Chile ou Arxentina participarán tamén na programación.
Portugal da o paso

Por outra banda, o Ministerio de Cultura portugués deu ordes aos seus departamentos para que acompañen a reformulación da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á obra mestra da humanidade que Ponte nas Ondas está a realizar, coa colaboración de especialistas. Ponte nas Ondas agarda por unha entrevista solicitada ao presidente da Xunta para exporlle os traballos que se están a realizar e as necesidades de xestión do proceso, en colaboración cos Gobernos de Portugal e España.

Fuente; La Voz de Galicia, España

No hay comentarios: